Memorable segunda metade do Teucro que deixa o ascenso moi preto ao gañar (26-23) ao Atlético Valladolid
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Partido grande entre dous equipos dos grandes (pode que os máis grandes da categoría). Notábase no ambiente dende antes de comezar o partido. As bancadas do Pavillón Municipal pontevedrés rexistraban unha entrada das de antes. O Teucro fixera un chamamento á súa afección e esta respondeu. E o visto na pista non defraudou, especialmente o partidazo do conxunto azul, que bordou unha memorable segunda parte para deixar o ascenso moi, moi preto.
A primeira parte foi moi disputada, coas defensas impoñéndose aos ataques, con dous grandes porteiros achegando paradas importantes e de moito mérito. A diferenza marcouna o acerto en ataque. Mentres os pucelanos tiñan un Fernando Hernández absolutamente imparable aos seus 42 anos, cun acerto total nos seus lanzamentos (7 goles de 7 intentos nos primeiros 30 minutos), o Teucro fallou balóns doados, especialmente tres contraataques na recta final do primeiro tempo, que remataron na madeira do portal visitante.
Esa foi a clave da vantaxe de tres goles (chegaron a ser catro) con que o Atlético Valladolid marchou ao descanso. Esa e un parcial favorable de 1-5, entre o minuto 9 e o 19, que cambiaron o signo do marcador, ata entón favorable ao cadro azul, que de mandar 6-3 se vía abaixo 7-8, tras pedir o técnico visitante un oportuno tempo morto.
Quedaba a segunda metade e a esperanza de que á calor dunha afección entregada, que non deixou de empurrar aos seus, os de Quique Domínguez afinasen a puntaría, ao mesmo tempo que subisen un punto na súa intensidade defensiva.
E conseguírono. Ambas as dúas cousas. O que fixo o Teucro nos segundos trinta minutos de partido está ao alcance de moi poucos, mesmo dalgúns equipos de Liga Asobal. Rozando a perfección en defensa ata deixar sen opcións de lanzamento un gran rival, puliron erros en ataque, xogando con serenidade e acerto. Correndo cando se podía e era necesario, realizando xogadas longas, con paciencia, no momento xusto.
As diferenzas pronto quedáronse en nada. Carlos García empataba por primeira vez (16-16) no minuto 39. O Teucro pisara o acelerador e empurrado por un público entregado, xa non había xeito de frealo.
A defensa de Adrián Pumar sobre Fernando Hernández taponou a vía de auga que supoñía o veterano internacional, ao que mesmo Iago Gómez paraba un penalti. Atlético Valladolid mantíñase agora amparado no dinamismo de Roberto Pérez, ata que Edu Moledo, e principalmente Dani Hernández, que se botou o equipo ás súas costas, marcaron diferenzas.
Víctor Rodríguez poñía o Teucro por diante, despois de moitos minutos (18-17), minuto 43. García Pichel, Dani Hernández e Edu Moledo ampliaban a renda a tres (24-21) a falta de cinco minutos. E de novo Dani Hernández poñía a puntilla (25-21) a falta de catro minutos, que transcorreron no medio dunha festa na bancada, co público jaleando os seus. Non eran dous puntos máis, eran dous puntos con aroma a un ascenso un pouquiño máis próximo.
SD TEUCRO (26): Ricardo Amérigo; García Pichel (4), Víctor Rodríguez (2), Gonzalo Carró, Carlos García (5, 4 de penalti), Dani Hernández (7, 1 de penalti), Edu Moledo (6) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Carlos Pombo, Anxo Otero, David Chapela, Adrián Pumar, Marcos Dorado, Iván Fernández (1, de penalti), Borja Pedreira (1) e José Carlos Ameijeiras.
ATLÿTICO VALLADOLID (23): César Pérez; De La Rubia (2, 1 de penalti), Daniel Pérez (1), Fernando Hernández (8, 2 de penalti), Julián Rasero (3), Roberto Pérez (6), Gonzalo Matías (3) -sete inicial-, Rey Enrique (p.s.); Miguel Lacasa, Roberto Turrado, Delgado Ávila, Quintanilla, Raúl Álvarez e Alejandro Egea.
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Miquel Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado, Borja Pedreira (2) e Dani Hernández, polo Teucro, e a Julián Rasero, Fernando Hernández e Daniel Pérez polo Atlético Valladolid.
Marcador (cada cinco minutos): 3-2, 6-4, 7-6, 7-8, 9-11, 10-13 (descanso), 13-14, 16-16, 18-17, 20-19, 23-21 e 26-23 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Uns 2.500 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas do accidente de aviación acontecido no Alpes.
Relacionadas:
-
Go Fit imponse ao Teucro (25-22) aprazando o alirón azul
Por Redacción |
-
Frear a euforia, obxectivo de Quique Domínguez ante o "complicado" partido en Santander
Por Alejandro Espiño |
-
Descanso para o Teucro cos deberes feitos
Por Redacción |
-
Partido grande no Pavillón Municipal con Teucro e Valladolid na busca do ascenso
Por Diego Espiño |
-
O Teucro chama á súa afección para o decisivo partido do sábado contra o Atlético Valladolid
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Momento clave da tempada para o Teucro
Por Diego Espiño |
-
O Teucro resolve na segunda parte (26-34) ante BM La Roca, ampliando distancia co Go Fit
Por Redacción |