Pechar a continuidade do actual plantel, principal preocupación do Arxil
Por Redacción
O Club Baloncesto Arxil empeza xa a sentar as bases da próxima tempada, na que o seu primeiro equipo volverá competir na Liga Feminina 2.
A ilusión do club pontevedrés pasa por repetir a boa tempada que acaba de pechar coa súa participación na fase de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino nacional, e para iso é conciente da necesidade de atar a continuidade da columna vertebral do equipo.
A directiva verde pretende lograr a renovación da totalidade do plantel, pero nos casos da senegalesa Maimouna Diarrá e a estadounidense Fallon Lewis a negociación antóllase complicada.
Será difícil pola boa campaña realizada por ambas as dúas, que provocará a chegada de máis dun oferta, e as pretensións económicas que poidan ter as xogadoras, toda vez que "no club temos unha folla de ruta a nivel económico e queremos cumprila", recoñece Lino Vázquez.
No caso de que se confirme a saída de Diarrá e Lewis a clave pasará, explica o directivo pontevedrés, en "acertar nas fichaxes" se se quere aspirar a estar de novo no play-off de ascenso.