A elite da ximnasia acrobática nacional cítase na Raña
Por Diego Espiño
O Pavillón da Raña, en Marín, será escenario os días 14 e 15 de maio do Campionato de España de Ximnasia Acrobática.
A elite nacional desta modalidade deportiva en auxe estará presente nunha cita que reunirá máis de 260 deportistas en categoría alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior e sénior.
Segundo explicou o seleccionador nacional, o pontevedrés Pablo Hinojar, espérase un alto nivel competitivo ao tratarse dun campionato clasificatorio para o Europeo do próximo mes de outubro.
A boa experiencia da Copa de España, organizada tamén polo Club In Mare o pasado mes de febreiro, supón un aval para "una modalidad poco conocida y que si es la primera vez que se ve encandila", sinalou Hinojar.
Galicia e Andalucía serán as autonomías máis representadas, con ampla presenza dos clubs pontevedreses Treboada e Ximnasia Pontevedra.
Pola súa banda o club local, o In Mare de Marín, estará representado polo seu deportista Raquel de la Torre.
O xoves 14 xa se poderá ver os deportistas adestrar na Raña, pero a competición desenvolverase o venres de 16:00 a 20:00 horas e o sábado de 9:30 a 13:45 e de 16:00 a 20:00 horas, con entrada de balde para o público.
A presentación do campionato contou coa presenza tamén do concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, o presidente da Federación Galega, José Manuel Estévez, e o presidente do In Mare, Francesc Casanovas.