Alberto Domínguez deixa o Pontevedra tras seis anos como responsable médico do club
Por Redacción
O doutor Alberto Domínguez deixará de ser o responsable dos servizos médicos do Pontevedra Club de Fútbol a final de tempada. Farao tras seis anos ligados ao club granate "por motivos exclusivamente persoais".
Así llo fixo saber o galeno á presidenta granate, Lupe Murillo, semanas atrás, aínda que agora explicou as súas razóns nunha carta dirixida á responsable da entidade.
"Pretendo desta forma reflectir coa maior precisión posible a catarata de sentimentos que dende que tomei esa determinación me obrigan a balancearme entre o orgullo por formar parte desta grande institución e o desasosego inherente ao final dun periplo fascinante", sinala na misiva o galeno.
Domínguez recoñece que a súa etapa no Pontevedra "quizais fose das máis convulsa da súa historia recente", con oito adestradores e ata catro presidentes, pero móstrase agradecido por "seis exercicios con experiencias inesquecibles", con momentos bos como a eliminación do Oviedo no play-off de ascenso a Segunda e outros amargos como o descenso a Terceira.
O aínda responsable médico do Pontevedra espresa tamén na carta a súa gratitude aos profesionais que pasaron estes anos polo corpo médico (Félix Cao, Sergio, Carlos e Nerea), trabajadores do día a día (Rafa, Tomé e Secre), adestradores (Pablo Alfaro, Castro Santos), presidentes (Nino Mirón, Mauricio Rodríguez, Lupe Murillo) e medios de comunicación, entre os que menciona expresamente a Ramiro Espiño, Ángel Magdaleno e Xaime Nogueira.
Alberto Domínguez remata a súa carta cun desexo, despedirse do club do que recoñécese "forofo" co ascenso de categoría.
ACTUALIZACIÓN DA BASE DE DATOS DE ABONADOS
Unha incidencia informática rexistrada hai escasos días provocou que o Pontevedra perdese parte da información que posúe dos seus socios, en especial no correspondente a novas altas e fichas das persoas que realizaron modificacións recentes como cambio de asento asignado ou grada.
Esta situación, ocasionada por unha campaña de 'phishing', levou o club a solicitar a colaboración dos seus abonados para actualizar a súa base de datos, pedindo que se poñan en contacto coa entidade nas oficinas de Pasarón ou a través do correo electrónico socios@pontevedracf.com achegando nome completo, DNI e teléfono de contacto.