O Atlético Cuntis reúne a fundadores e simpatizantes nunha comida para pechar o seu 40 aniversario
Por Redacción
Máis de 40 anos dende a súa fundación, rexistrada o 28 de agosto de 1973. O Atlético Cuntis poñerá o sábado, día 20 de xuño, un brillante colofón aos actos do cuadraxésimo aniversario da súa fundación cunha comida no Hotel Balneario Termas de Cuntis, á que se espera acudan máis de 300 persoas, entre os que non faltarán moitos dos xogadores, directivos e colaboradores que formaron parte do club da Vila Termal ao longo da súa historia.
A comisión organizadora dos actos, da que forma parte Ignacio Romar 'Nacho', un dos fundadores e que formou parte do club en todas as facetas de directivo, adestrador e xogador, previu un programa que comezará coa recepción aos asistentes ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Cuntis, situada na Praza das Árbores, onde poderán visitar a exposición de fotos, fichas e demais material relacionado co club.
Ás 13:30 horas, os asistentes percorrerán a localidade, recordando momentos compartidos por todos tras reencontrarse cos antigos compañeiros, para ás 14:15 horas degustar un aperitivo no Xardín das Termas, convidados polo Hotel Balneario Termas de Cuntis, facendo tempo ata as 15:00 horas, en que se celebrará a comida no mesmo lugar, coa que se poñerá fin á xornada.
Para asistir á comida será necesario realizar a oportuna reserva, mediante o aboamento de 25 euros en calquera das contas seguintes, tendo como límite o martes día 16 de xuño: ES43-0081-2132-3100-0601-0007 (Banco Sabadell-Gallego) e ES65-2080-5029-1430-4000-3409 (Abanca).
Tamén, para calquera consulta se poden poñer en contacto co correo do club (club4097@gmail.com) ou ben por teléfono con Nacho 647 758 750 e Sueiro 699 906 436.
O xa veterano club cuntiense, herdeiro do desaparecido Burgas, un equipo no que militaran xogadores que chegaron Primeira División, como o meta Campos ou o exzaragocista Pais, ten como máximo logro deportivo a consecución da Copa Pontevedra tras derrotar na prórroga da final ao Portonovo por 2-1, nun partido disputado no Monte da Vila, no Grove.
Na actual tempada, o 20 de febreiro lograba eliminar ao Pontevedra na primeira rolda da Copa Deputación, tras empatar a dous goles no tempo regulamentario, impoñéndose aos granates nas quendas de penaltis, en partido disputado no remodelado campo da Ran.
A súa primeira directiva formárona Manuel Eiras Velay, como presidente, Manuel Barros Brey, vicepresidente, Roberto Ameijeiras Blanco, secretario, Joaquín Sanmartín, tesoureiro, e como vogais Juan Luis Torres Rey, Ramiro Espiño Castro e todos os compoñentes do equipo. As reunións semanais celebrábanse no convento das Benedictinas, onde tiña a súa residencia o capelán Manuel Barros, que foi o verdadeiro impulsor da creación do club.
O primeiro partido oficial do Atlético Cuntis xogouse o 24 de marzo de 1974 e fíxoo no campo federativo de Marcón, onde gañou ao Nodales por 1-4, reestreando o seu campo da Ran fronte ao Deportivo Lérez ao que derrotou por 2-1. Ramón Eiras, pai do actual dianteiro do Xuventú Sanxenxo, foi o xogador que tivo a honra de conseguir o primeiro gol do equipo.
Aquel primeiro equipo, dirixido por 'Nacho' que facía de adestrador-xogador, estaba integrado por Raído, Cañoto, Fandiño, Malocho, Paco, Severino, Nacho, Jaime, Pinón, Ramón Eiras, Raxeiro, Luis, Pacheco, Tito, Moncho, Ramón, Jacobo, Lagares e Pablo, todos eles nacidos en Cuntis, a excepción de Fandiño, da Estrada, pero cuxo pai era tamén natural do pobo.