A Cidade Infantil Príncipe Felipe acolle o campus da Escola de Fútbol Club Barcelona
Por Redacción
Os nenos queren ser Messi ou Iniesta e os pais buscan que os seus fillos poidan asumir valores relacionados coa solidariedade ou o compañeirismo, esta é a idea que promove o campus que se desenvolverá entre o 27 de xullo e o 1 de agosto de 2015 na Cidade Infantil Príncipe Felipe, que se realiza a través da Deputación provincial coa FCB Escola Camp.
Durante esta mañá presentouse nas intalaciones de Montecelo coa presenza de representantes da empresa que promove esta iniciativa, a deputada provincial encargada de Deportes, Begoña Estévez, o director da Cidade Infantil, José Manuel Fernández e Manolo Barreiro, presidente de Honra da Federación Galega de Fútbol. Juan Carrillo, promotor da FCB Escola Camp en Pontevedra, anunciou que dende a entidade blaugrana se apostaba por cidades de maior poboación para traer este evento, non obstante dende a organización apostouse pola cidade lerezana para acoller o campus que será a primeira vez que se celebra en Galicia.
Na presentación indicouse que Pontevedra se situará ao nivel de cidades como Singapore ou Dubai na organización dun campus destas características coa asistencia de deportistas de primeiro nivel que aínda están por confirmar como Denis Suárez, xogador do Sevilla F.C., formado no FC Barcelona, ou do mellor deportista español segundo o número de medallas olímpicas, David Cal.
O campus busca, segundo a organización, valores que crean escola e manter durante a súa duración hábitos diéteticos e hixiénicos axeitados. A aceptación de participantes sitúase en 70 prazas para nenos de entre 6 e 16 anos. O prezo é de 360 euros para media sesión e de 420 para sesión completa, con estanza e alimentación incluídos. Tamén se consideran descontos do 10% para o segundo irmán e do 20% para o terceiro. As inscricións poden facerse a través da web.