Bakú, próximo reto para Lúa Piñeiro
Por Redacción
O tropezón sufrido no recente Campionato do Mundo, no que caeu en primeira rolda, dá máis importancia se cabe á súa participación nos primeiros Xogos Europeos.
Lúa Piñeiro encóntrase xa en Bakú, Azerbaián, para participar nunha competición que outorgará importantes puntos para o ranking olímpico de taekwondo.
A deportista caldense competirá o próximo xoves 18 de xuño na categoría de -67 quilos.
Lúa afronta a cita en prefectas condicións físicas e coa ilusión de chegar ás roldas finais. Antes deberá superar no seu primeiro enfrontamento á suíza Nina Klaey.
En Bakú concéntranse estes días case 6.000 deportistas de 50 países, gozando dunha competición que pretende consolidarse no calendario no ano previo aos Xogos Olímpicos.
Tras os Xogos Europeos Lúa Piñeiro seguirá competindo nun mes que pode ser clave viaxando sen descanso ao Open de Austria e á Universiada en Corea.