Carlés renova un ano máis polo Marcón e avanza unha profunda renovación no equipo
Por Alejandro Espiño
Xosé Manuel Carlés seguirá sendo o adestrador do Marcón Atlético a próxima tempada. Tras semanas de conversacións, o técnico aceptou a oferta da directiva para continuar un ano máis á fronte do equipo. Será, iso si, cun equipo renovado. Pediu ao club un "esforzo" para incorporar a "sete ou oito" xogadores novos, co obxectivo de manterse sen apuros un ano máis na Rexional Preferente.
A pesar de que nun principio pensaba en cambiar de aires ou mesmo se tomar un ano sabático, Carlés afirma que "eu ao Marcón non lle podo dar un non rotundo". Asegura que non estivo a esperar por unha oferta mellor, senón que lle deu moitas voltas a se era oportuno seguir porque "cada ano que pasa é máis difícil continuar", xa que as nove tempadas que leva o club complican, asegura, a xestión do equipo a nivel motivacional.
Algo que, segundo a súa opinión, só se pode solucionar "se somos capaces de darlle á equipo un toque de novidade" porque este bloque leva "moitos anos xuntos traballando". Recoñece que para o Marcón "non será doado" encontrar xogadores no mercado polas súas limitacións económicas, pero espera que con estas fichaxes "todos carguemos ás pilas" para estar motivados "dende o primeiro día de adestramentos".
Carlés recoñece que esta última tempada foi un ano "atípico" porque "non tiñamos que sufrir tanto". Asegura que o Marcón contaba cun equipo "compensado" e cun equipo suficiente para non pasar apuros. Non foi así, sinala, porque varios xogadores deixaron de ir a adestrar por motivos laborais, castigáronos moito as lesións e acumuláronse demasiadas sancións no tramo final de liga.
Iso, sumado á aliñación indebida do Pontevedra B que a punto estivo de custarlles o descenso a Primeira Rexional, fixo que "nos costaera moito conseguir o obxectivo" e que rematasen a tempada "agotados psicoloxicamente". De aí que insista en que a directiva do Marcón debe apostar por un proxecto renovado e con moitos cambios, porque pola contra "estamos condenados a morrer".
Neste sentido, explicou que ao longo das próximas semanas espera pechar o capítulo de altas e baixas para chegar á pretempada co equipo totalmente configurado.
Relacionadas:
-
Tres fichaxes confirmadas nun Marcón que quere dar un paso adiante
Por Diego Espiño |
-
Salvados! O Marcón asegura de novo a permanencia gañando no Carballiño (0-2)
Por Redacción |
-
Unha aliñación indebida do Pontevedra B complica a permanencia do Marcón
Por Diego Espiño |
-
Permanencia asegurada para o Marcón tras remontar e empatar ante o Valladares (2-2)
Por Redacción |