Atlético Arousana, campión da Copa Deputación Femenina
Por Redacción
Con máis apuros dos previstos pero o Atlético Arousana cumpriu os prognósticos proclamándose gañador da Copa Deputación de Fútbol Femenino.
Fíxoo tras gañar na final, disputada no campo da Senra de Ribadumia, ao Sárdoma por un resultado de 2-1.
As de Vilagarcía comezaron dominando con claridade o encontro e froito desa superioridade conseguiron marchar ao descanso en clara vantaxe, grazas aos goles de Miriam e María Arufe.
Na reanudación o Sádoma lanzouse ao ataque con pouco que perder e puxo en serios apertos a Arousana, que sufriu para manter a súa renda despois de Lorena recortase distancias a 20 minutos para o final.
Ao rematar o choque o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, fixo entrega do trofeo ás campioas.