Primeira final para un Pontevedra que necesita gañar e recortar distancias o Deportivo B
Por Ramiro Espiño
Cando por diante queda toda a segunda volta da competición (ademais do partido aprazado co Villalonga), pode parecer esaxerado afirmar que a última xornada da primeira volta teña o carácter de case unha final para o Pontevedra. O cualificativo, tantas veces usado para definir partidos pouco menos que intranscendentes, adquire nesta ocasión o seu máximo valor tendo en conta as circunstancias nas que os granates chegan a este choque.
A sete puntos de distancia do seu rival do domingo, o Deportivo B, que marca o último dos postos de privilexio, unha derrota deixaría seriamente tocadas as posibilidades dos granates de meterse no play-off. Os xogadores sábeno, como saben tamén que Pasarón debe ser o seu principal aliado neste mes de xaneiro no que xogarán catro dos cinco partidos de liga que definirán as posibilidades de conseguir os seus obxectivos nesta tempada.
Tras o último adestramento semanal, realizado na mañá do sábado en Príncipe Felipe, Milo Abelleira viu notablemente aliviados os seus problemas á hora de confeccionar o equipo. Salvo Stefan, sancionado por acumulación de tarxetas, o técnico granate poderá contar con todos os seus efectivos, recuperando a Santi Domínguez e Fran Fandiño, que non se resentiron das lesións que lles apartaron do equipo nas últimas xornadas, así como a Jacobo, Cristóbal Juncal e Caco, que tiveran lixeiros contratempos durante a semana, se ben no caso do capitán continúa entre algodóns, xa que segue notando molestias no dedo do pé ao golpear o balón, o que obriga a Milo a convocar a un xogador máis, 17, en previsión de que finalmente non poida xogar.
Ademais, a inactividade de Santi Domínguez moi posiblemente relégueo ao banco, polo menos de saída, reservándoo como revulsivo en caso necesario.
Así as cousas, o once inicial máis probable sería o formado por: Lloves; Adrián, Sestelo, Pablo, Nano; Iago Paz, Moisés, Cristóbal Juncal, Jacobo; Richi e Javi Pazos, quedando para o banco Lorenzo, Caco, Fran Fandiño, Breogán, Tubo e Santi Domínguez, dos cales un Milo terá que descartar un.
O partido será dirixido polo colexiado José Ramón Jiménez Alberte (Ourense), e dará comezo ás 17.00 horas.
Campaña solidaria de Nadal
O Pontevedra mantén para este primeiro partido de 2013 a iniciativa solidaria que estaba previsto realizar no partido aprazado ante o Villalonga. Para iso habilitaranse nas portas de acceso ao estadio lugares nos cales os afeccionados poidan depositar alimentos non perecedoiros, roupa ou xoguetes que serán entregados a Redeaxuda para a súa repartición entre as familias necesitadas da bisbarra.