A ximnasia rítmica, protagonista en Pontevedra cun exitoso Nacional individual
Por Redacción & Diego Torrado
Tras catro días de competición, Pontevedra despediuse do espectáculo da ximnasia rítmica. A cidade do Lérez volveu repetir o éxito que, unha semana antes, tivera o campionato de España de clubs. Fíxoo co Nacional individual deste deporte, no que os pontevedreses puidemos gozar coa arte e o talento das principais figuras do panorama español nesta esixente disciplina.
O Recinto Feiral acolleu preto de 300 ximnastas que, coas súas acrobacias e exercicios, marabillaron o público que encheu as bancadas durante toda a fin de semana. A competición, na que participaron deportistas procedentes de todas as comunidades autónomas españolas, volveu referendar o gran respaldo social que ten ese deporte. E iso que Pontevedra se estreaba nunha cita desta categoría.
No estritamente deportivo, a gran protagonista desta fin de semana foi a leonesa Carolina Rodríguez que logrou revalidar o título de campioa de España ao impoñerse á outra grande esperanza da ximnasia rítmica nacional, Natalia García. Esta última recibiu unha grande ovación do público co seu exercicio de mazas, o mellor valorado polo xurado. Carolina impúxose no resto, aro, pelota e fita. Sumou 68,817 puntos fronte aos 67,291 do seu rival.
Os resultados completos deste campionato de España pódense consultar na páxina web da Federación.
Ao longo destes catro días de competición, Pontevedra foi testemuña da elección das novas campioas de España a nivel xeral e por aparatos das diversas categorías: benxamín, alevín, infantil, júnior, júnior de honra, sénior, primeira categoría e honra.
Este campionato foi o colofón a dúas semanas de ximnasia rítmica na cidade, xa que a pasada fin de semana se celebrou a competición por clubs e autonomías onde o Club Ritmo e Castela e León conquistaron, respectivamente, o ouro na División de Honra.
Relacionadas:
-
"Salto de calidad" para a segunda edición do Torneo Cidade do Lérez de ximnasia rítmica
Por Redacción |
-
Carolina Rodríguez e Sara Llana, experiencia internacional para as ximnastas do Club In Mare
Por Redacción |
-
Vibrante inicio de competición no Campionato de España Individual de rítmica
Por Diego Torrado |
-
Sen apenas descanso chega a Pontevedra a segunda gran cita coa ximnasia rítmica nacional
Por Diego Espiño |
-
Exitoso peche de competición no Campionato de España de Clubs de Ximnasia Rítmica
Por Diego Torrado |