Alba Trigo, unha moza de Cambados que representará a España no Europeo de clase Optimist de vela
Por Alejandro Espiño
Con só 14 anos, a pontevedresa Alba Trigo segue demostrando por que é unha das grandes promesas da vela española. A moza, natural de Cambados, finalizou en terceira posición na categoría feminina do Campionato de España de Vela da clase Optimist que se disputou esta fin de semana na localidade cántabra de Laredo.
A actual campioa galega da súa clase -situada no segundo posto do ranking galego e primeira do ranking galego feminino- acompañou no podio desta esixente regata deportistas máis experimentadas como a mallorquina Aina Colom, que logrou a vitoria en augas cántabras, e a catalá Iset Segura. Ambas as dúas son a campioa do mundo e a subcampiona europea de clase Optimist, respectivamente.
Grazas a este resultado, Alba Trigo foi a única regatista galega seleccionada pola Federación Española para participar no próximo Campionato de Europa que se celebrará en Gales.
Asegura afrontar esta experiencia con moita ilusión e os nervios propios do momento, xa que só conta con sete días para preparar a viaxe. O seu barco viaxará directamente de Laredo ata Inglaterra e ela voará o próximo domingo dende Barcelona para unirse aos seus compañeiros de selección antes de irse xuntos a terras galesas.
Alba, que pertence ao RCN Sanxenxo e dedica todas as súas fins de semana aos adestramentos, soña con facer un bo papel neste Europeo e poder optar a participar no Mundial da clase Optimist.
Para iso, Alba Trigo espera poder contar con axudas de máis patrocinadores e institucións porque, ata agora, os gastos destas viaxes os asume a súa propia familia.