Jorge Basanta será o novo adestrador do Poio Pescamar FS na Primeira División
Por Redacción
O Poio Pescamar FS xa ten adestrador para a tempada 2015-2016. Tras a saída de Gonzalo Iglesias 'Morenin', os responsables do club confirmaron a fichaxe como técnico de Jorge Basanta. Chega procedente do Santiago Futsal, onde levaba adestrando oito anos.
O novo adestrador, natural de Viveiro (Lugo) e de 26 anos, encargábase de adestrar o filial do conxunto santiagués, así como tamén o equipo xuvenil e da coordinación da base.
Ademais, colaboraba co primeiro equipo encargándose das tarefas de scouting.
Na súa nova etapa en Poio, Jorge Basanta será o encargado de dirixir a nave 'rojilla' e non só será o adestrador do primeiro equipo, senón que tamén coordinará todas as categorías inferiores da base feminina e asumirá a formación dos monitores.
O club buscaba, segundo o seu presidente Juanjo García, unha persoa "que se involucrase máis no club e nas categorías base que tantas alegrías nos proporciona" e Basanta, entende, cumpre con estes requisitos e coa experiencia necesaria a pesar da súa xuventude.
Ambas as dúas partes comezaron xa a planificar a pretempada que, previsiblemente, comezará a mediados de agosto. En todo caso, o novo adestrador comezará a traballar nas oficinas do club a mediados da próxima semana, por onde irán pasando as xogadoras do primeiro equipo para coñecer o seu futuro de cara á nova tempada na que, unha vez máis, o Poio Pescamar FS competirá na Primeira División do fútbol sala nacional.
Relacionadas:
-
O Poio FS inicia a pretempada co obxectivo de "seguir creciendo" na máxima categoría
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
O Poio FS arrancará a liga en Alcorcón a mediados de setembro
Por Redacción |
-
Poio Pescamar e Leis Pontevedra xa teñen rivais para a próxima tempada
Por Redacción |
-
Morenín deixa o Poio Fútbol Sala para adestrar o Toulouse da segunda división francesa
Por Diego Espiño |