Bea Gómez Cortés, primeiro ouro en Barcelona ao proclamarse campioa de España de 400 estilos
Por Redacción
Seguen os bos resultados da pontevedresa Beatriz Gómez Cortés nos campionatos de España de natación que se están a disputar nas piscinas Picornell de Barcelona. Tras o bronce na súa primeira proba, os 800 metros libres, a nadadora do Galaico colgou a medalla de ouro en 400 estilos, proclamándose así campioa de España desta especialidade.
Foi unha carreira na que dominaron as nadadoras galegas. Bea Gómez impúxose nunha das súas probas favoritas tras parar o crono en 4:43.11. Foi tres segundos máis rápida que a ribeirense María Vilas, que logrou subir ao segundo caixón do podio.
Á nadadora pontevedresa aínda lle quedan dúas probas máis, os 200 metros estilos e os 100 metros braza para aumentar a súa colleita de medallas.
Nesta mesma proba dos 400 estilos participaron outras tres nadadoras do Galaico. Paula Goyanes foi a mellor delas e finalizou no posto 13. Fóra da final quedaron Lara Gómez Cortés (posto 28) e Águeda Beatriz Cons (posto 36).
Ademais, Inés Gómez e Nuria Erselle competiron na proba de 200 libres, pero tampouco pasaron da fase preliminar. Finalizaron no posto 48 e 54 respectivamente.
Pola súa banda, Cristian Fernández completou a súa participación neste Campionato de España ao quedar no posto 32 na proba dos 800 metros libres; o mesmo posto que logrou Daniel Sánchez na carreira de 50 metros costas. Máis lonxe quedou nas outra proba que disputou este venres, os 200 metros libres.
Relacionadas:
-
Bea Gómez, fóra da final dos 800 libre na súa estrea no Mundial de Kazan
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez chega a Kazan para afrontar o reto do Mundial
Por Diego Espiño |
-
Bea Gómez despídese do Nacional de Barcelona cun novo ouro nos 200 metros estilos
Por Redacción |
-
Primeira medalla para Bea Gómez nos Nacionais de natación: bronce nos 800 libres
Por Redacción |