Loreto Núñez, xogadora do Club Voleibol Pontevedra, convocada pola Selección Española cadete
Por Redacción
De Pontevedra a Valladolid. Así será a viaxe que emprenda Loreto Núñez Casal, xogadora do Club Voleibol Pontevedra. Foi convocada pola Selección Española cadete para disputar o torneo internacional Wevza 2015, que se celebrará durante do 15 ao 19 de xullo no pavillón polideportivo Pisuerga de Valladolid.
Tras quince días de concentración no centro CAEP de Soria, Loreto Núñez foi seleccionada entre as doce xogadoras cadetes que representarán a España na categoría sub-16 deste torneo internacional, ao que tamén acudirán as seleccións de Portugal, Bélxica, Italia, Holanda e Suíza.
O torneo Wevza 2015 ten como obxectivo corroborar o traballo de base realizado polas federacións dos países participantes e poñer a mirada cara ás novas e futuras estrelas do voleibol continental.
Por iso, a convocatoria desta xogadora cadete é, sinalan dende o club, un premio tras a brillante tempada obtida logrando, entre outros, a medalla de bronce no Campionato de España de Voleibol por Seleccións Autonómicas con Galicia.
A súa estrea coa selección no torneo será este mércores ás 15:00 horas ante Portugal. Os partidos poderanse seguir por streaming na páxina web oficial da Real Federación Española de Voleibol.