O meteórico ascenso do Bora cadete á División de Honra
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O Bora cadete lograba esta tempada un ascenso sorprendente para un club tan pequeno e de tan recente formación: lograba subir á División de Honra de Fútbol e enfrontarase durante a próxima tempada a clubs do nivel do Celta, Deportivo ou Pontevedra. O Bora xorde da escola de fútbol Porteiro 2000 e o 90% dos mozos que lograron alcanzar a máxima categoría levan dende os catro anos xogando xuntos, con catro ascensos seguidos.
O xerente, José Abreu, explica que este equipo se converteu nunha das principais canteiras do Pontevedra Club de Fútbol e que agora se enfrontan a un reto importante porque o ascenso leva consigo que se duplique a cantidade económica do presuposto que chegará aos 12.000 euros. O equipo terá que realizar dez viaxes e cada un deles supón un gasto de 400 euros. Por este motivo, intentan buscar fórmulas de patrocinio porque como di Abreu: "Temos que buscar solucións para que sexa viable e que os rapaces poidan seguir facendo deporte e formándose como persoas e deportistas e lles sirva na vida" e engade que para os mozos é unha grande experiencia "van xogar cos mellores xogadores da súa idade e vai ser unha experiencia inesquecible para eles".
De todos os xeitos, os xogadores deste equipo xa eran cadetes de segundo ano e case todos ficharon por equipos de categorías máis altas como o Portonovo, A Seca ou mesmo o Pontevedra C.F., que se levou sete xogadores para formar parte do equipo xuvenil.
Por este motivo, o Bora, cuxa xestión deportiva se encontra en mans de Rafa Sáez, disputará esta tempada cos que "veñen de abaixo" e con algún reforzo que poidan lograr. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, recibía durante este mércores 15 aos xogadores que lograron o ascenso acompañado pola concelleira de Deportes, Anxos Riveiro. O rexedor, que os obsequiou cun agasallo, indicou aos mozos que esperaba que algún deles lograse xogar no futuro en categorías semi-profesionais ou profesionais do fútbol. Fernández Lores recibiu unha camiseta do Bora co seu nome imprimido.