As cadetes da Gimnástica buscan un oco na final do Nacional de Clubs
Por Redacción
Despois de dez anos organizándose, un equipo da Sociedad Gimnástica aspira a estar presente na final do Campionato de España de Atletismo Cadete de Clubs.
O conxunto feminino da entidade pontevedresa conta cun total de 8.670 puntos no estadillo de marcas da Federación Española, lonxe dos 9.300 que marcaron o corte dos oito mellores a pasada tempada, pero o listón nesta categoría varía notablemente cada ano.
A diferenza dos últimos anos, a Gimnástica conseguiu completar un equipo cun mínimo de 17 atletas, en boa medida polo grande incremento de mozos que practican atletismo nas Escolas Municipais.
Esta circunstancia outorga certas esperanzas no seo do club pontevedrés, que acudiu ao Campionato de Galicia por Equipos da categoría tras catro anos de ausencia.
A final, na que estarán os oito mellores equipos, disputarase o próximo 12 de outubro.