O mellor fútbol praia nacional cítase en Sanxenxo
Por Redacción
A praia de Silgar, en Sanxenxo, reunirá durante a próxima fin de semana aos mellores clubs nacionais de fútbol praia coa disputa da primeira Copa Real Federación Española de Fútbol.
Dende o venres 28 e ata o domingo 30 de agosto veranse as caras na area de Silgar os oito mellores clubs da tempada nacional, en busca do título de campión de España de clubs.
Esta competición substitúe ao Campionato de España de clubs que se viña disputando durante os últimos anos.
Un equipo galego buscará o título, o Coruxo vigués, que deberá enfrontarse a Levante, Talavera, Melistar (Melilla), Bala Azul (Murcia), Valencia, Melilla Club Deportivo e Fútbol Playa Huelva.
A competición iniciarase os tres días ás 9:30 horas da mañá con dobre quenda, tamén pola tarde de 17:00 a 21:00 o venres e de 16:00 a 21:00 horas o sábado.
A final xogarase ás 13:00 horas do domingo. Previamente, ás 12:00 horas, programouse un amigable entre os equipos femininos de Portonovo e Noalla.