O tenis praia chega a Lourido durante a fin de semana
Por Diego Espiño
A praia de Lourido acollerá a próxima fin de semana (29 e 30 de agosto) o primeiro torneo de tenis praia organizado polo Concello de Poio e Verán Deportivo.
"A idea é facelo o sábado de modo lúdico para que todo o mundo poida xogar e o domingo a proba federada", explicou na presentación Xusto Olea.
Deste modo o sábado, dende as 11:00 horas, calquera persoa que acuda ao areal poderá iniciarse nun deporte pouco coñecido pero "moi divertido".
O tenis praia é, segundo Olea, "unha mestura entre pádel e bádminton", consistente nunha pista con rede de 1,80 metros na que a pelota non pode botar e que normalmente se xoga en parellas.
Para que a xente poida familiarizarse con esta modalidade deportiva, instaláronse xa as tres pistas na praia de Lourido e os bares da zona contan con material para poder adestrar, como pas e pelotas.
A inscrición ten un custo de 3 euros e pode formalizarse a través da páxina web www.verandeportivo.com.
Pola súa banda a proba federada terá o aliciente de que as parellas gañadoras se clasificarán para o Campionato de España que se celebrará a finais de setembro en Granada.
Este torneo, que nace coa intención de converterse nun fixo no verán de Poio, entra dentro dos plans do Concello de "levar o deporte ás diferentes praias" do municipio, segundo explicou a concelleira Marga Caldas.