O tenis praia exhíbese en Lourido
Por Redacción
Era a oitava vez que se celebraba o Campionato Galego, pero a primeira na que as redes de competición estaban instaladas en Lourido.
Este areal acolleu durante toda a fin de semana o I Trofeo Concello de Poio de Tenis Praia, dividido nun torneo aberto a todos os públicos e a competición federada, clasificatoria para o Campionato de España.
Esta modalidade do tenis, na que a rede está situada a 1,80 metros e a pelota non pode botar, inundou Lourido nun existoso evento que promete volver o próximo ano.
Tras gozar o sábado os afeccionados á raqueta, o domingo foi a quenda dos tenistas federados, cunha competición que se desenvolveu durante toda a xornada, con eliminatorias pola mañá e as roldas finais xa pola tarde.
O triunfo, e polo tanto a clasificación para o Campionato de España que terá lugar a finais de setembro en Granada, foi para Silvia Arroyo e Isabel Domínguez en categoría feminina e Adrián García e Álex Pose na masculina.