As lesións dificultan a preparación do Teucro
Por Diego Espiño
Os problemas físicos non só apareceron na pretempada do Teucro, senón que se multiplicaron nas últimas xornadas dificultando a preparación do equipo adestrado por Quique Domínguez.
É o caso de xogadores como Edu Moledo, Víctor Rodríguez ou José Manuel Rial, ademais das molestias que arrastran outros compañeiros como García Pichel.
Tanto Moledo coma Víctor teñen danado un dos seus nocellos, sendo máis grave o caso do extremo, aínda que se confía en que cheguen ao inicio de liga en boas condicións.
Pola súa banda José Manuel Rial sufriu unha pequena esgazadura no ollo que obriga ao seu descanso durante as próximas xornadas, o que impedirá a súa participación no encontro de cuartos de final de Copa Galicia do xoves (21:00 horas) ante o Chapela.
Con esas precaucións exercitáronse este martes nas instalacións de El Tablero, onde gozaron dunha sesión de ximnasio e de xogos para descargar a musculatura tras unha primeira parte da pretempada na que abundaron as dobres sesións de traballo.
Co grupo encontrábase xa, tras incorporarse o luns, a última fichaxe dos azuis, o pivote Samuel Gómez.
ASOBAL CONFIRMA A DATA DO DEBUT LIGUEIRO
O Teucro debutará finalmente en liga o venres 4 de setembro tras aceptar Asobal a petición realizada polo club pontevedrés para evitar coincidir coa Feira Franca.
Deste modo o partido ante o Balonmano Guadalajara quedou fixado para as 20:45 horas dese venres no Pavillón Municipal dos Deportes.
Relacionadas:
-
Teucro e Frigoríficos do Morrazo á final da Copa Galicia
Por Redacción |
-
O Teucro defenderá o seu título de campión da Copa Galicia na final a catro de Viveiro
Por Redacción |
-
Samuel Gómez e o Teucro, unha negociación que durou "cinco minutos"
Por Diego Espiño |
-
Dobre vitoria con boas sensacións do Teucro sobre Maia e Avanca
Por Redacción |
-
Dobre vitoria con boas sensacións do Teucro sobre Maia e Avanca
Por Redacción |
-
Samuel Gómez, un pivote para pechar o plantel do Teucro
Por Redacción |
-
Os 'guerreiros azuis' preséntanse ante a súa afección convencidos das súas posibilidades
Por Cristina Saiz |