Bo papel do Froiz no Grande Premio do Dao de Portugal
Por Redacción
A pesar de competir contra equipos ciclistas profesionais, o GD Súper Froiz asinou un bo papel no Grande Premio do Dao celebrado en Portugal durante esta fin de semana. A escuadra pontevedresa clasificouse en terceira posición na xeral por equipos e un dos seus corredores, Rubén García, finalizou a proba nunha meritoria undécima posición.
A primeira etapa disputouse o sábado entre as localidades de Nelas e Mangualde, cun total de 146 quilómetros. O vencedor foi o luso Rui Vinhas do W52, o equipo máis potente de Portugal que dominou en todo momento a carreira, pero o Súper Froiz logrou meter a catro dos seus corredores entre os vinte primeiros con Rubén García, undécimo a 1:10 do gañador, foi o mellor clasificado do conxunto pontevedrés.
Moito mellor fóronlle as cousas aos homes de Evaristo Portela na segunda e última etapa da carreira. Roberto Mediero quedou a tan só dous segundos do gañador, o estradense Alejandro Marque (Efapel). Ademais deste segundo posto na etapa, o Froiz asinou a sexta praza de Antonio Portela e logrou situar ao resto do equipo entre os 25 primeiros da clasificación parcial.
Na xeral, Rubén García foi undécimo a 1:10 do portugués Rui Vinhas, que se fixo co triunfo nesta proba. Entre os vinte primeiros situáronse tamén Pedro Criado (posto 17), Miguel Crespo (posto 18) e José Castro (posto 20). Ademais, foi o terceiro mellor equipo.
O GD Súper Froiz destaca que este bo resultado en Portugal é indicativo da gran forma na que afrontará a próxima edición da Volta a Galicia, que comezará este venres en Lugo.