Alex Bernárdez e Adrián Sieiro, á final do Europeo Júnior e Sub23 de piragüismo pola vía rápida
Por Redacción
Misión cumprida para os representantes do club Piragüismo Poio na primeira xornada do Campionato de Europa Júnior e Sub23 que se está disputando desde este xoves na cidade romanesa de Baskov. Tanto Alex Bernárdez como Adrián Sieiro clasificáronse pola vía rápida para a final das súas respectivas probas.
Alex Bernárdez saíu a remar a eliminatoria do C-1 500 metros xuvenil co obxectivo de conseguir o pase directo á final. Logrouno despois dunha gran regata na que entrou en meta en segunda posición por detrás do ruso Artem Pron.
Pola súa banda, Adrián Sieiro conseguiu o pase directo á final de C-1 500 metros na categoría sub-23 tras unha boa regata onde entrou en terceira posición por detrás do padeeiro serbio Strahinja Mladezic e do ucraíno Pavlo Altukhov.
O resto da participación pontevedresa conseguiu o pase a semifinais. Carla Sieiro (Club Naval Pontevedra) foi terceira na súa serie de K-1 1000 metros xuvenil, mentres que o seu compañeiro Iago Monteagudo terminou sexto na eliminatoria do K-2 1000 metros e quinto no K-2 500.
Por último, Carolina García (Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra) foi oitava na súa serie de K-2 500 metros xuvenil xunto á súa compañeira Andrea Piñeiro.