Novo éxito de Saleta Castro na media distancia: terceira no Ironman 70.3 de Lanzarote
Por Redacción
Xa o avisara. A partir de setembro comezaba a súa loita por estar no Mundial de Kona (Hawaii) de 2016. E o primeiro paso para logralo deuno en Lanzarote. Na illa canaria a pontevedresa Saleta Castro volveu ao subirse ao podio nunha proba de media distancia. Terminou en terceira posición do esixente Ironman 70.3 que se disputou este sábado.
Non foi unha carreira fácil. A pesar do ceo nubrado que rodeaba a lagoa de La Santa ao comezo dos 1.9 quilómetros de natación, os 24 graos que había levou á organización a non permitir o uso de neoprenos aos atletas profesionais. Na proba feminina, enseguida destacouse a gran favorita ao triunfo final, a británica Jodie Swallow, que saíu de auga tan só dous segundos despois do vasco Eneko Llanos, gañador da categoría masculina.
Ao chegar o segmento dos 90 quilómetros de ciclismo, a británica chegou a obter unha vantaxe de nove minutos, aínda que un problema mecánico a punto estivo de provocar o seu abandono. A certa distancia rodaba a francesa Jeanne Collonge e un pelotón liderado pola galega Aida Valiño, que rodaba xusto por diante de Saleta Castro e a madrileña Marina Damlaimcourt.
Pero Jodie Swallow , segunda clasificada actualmente no ránking mundial de Ironman, non temeu pola vitoria en ningún momento.
Afeita adestrarse na illa, os 21 quilómetros de carreira a pé non supuxeron ningún problema para ela. Cruzou a liña de meta cun tempo de catro horas, 29 minutos e 48 segundos, con trece minutos de vantaxe sobre a segunda clasificada, Jeanne Collonge.
Tras un notable rendemento sobre o asfalto, segmento no que logrou deixar atrás ao resto dos seus rivais, Saleta Castro lograba finalizar en terceira posición, parando o crono en catro horas, 55 minutos e 5 segundos. Un resultado que a motiva para seguir traballando para chegar ata Hawaii.