Manuel Hurtado e Leticia Fernández, gañadores da VIII carreira pedestre de Campañó
Por Redacción & Diego Torrado
Preto de 800 atletas, a metade deles na categoría absoluta, participaron este sábado na oitava edición da carreira pedestre de Campañó, unha das probas máis duras do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). Nela, Manuel Hurtado do New Balance Team proclamouse, con autoridade, gañador da proba; mentres que en categoría feminina o triunfo foi para Leticia Fernández do Run Galicia.
Hurtado apenas tivo problemas para adxudicarse esta proba, que volveu celebrarse nun percorrido moi esixente, infestado de continuos desniveis. O atleta lucense foi o máis rápido en completar o habitual circuíto, ao que se deu tres voltas para completar os 9.650 metros de percorrido. Cruzou a liña de meta cun tempo de 30 minutos e 6 segundos, quedando moi preto de bater o récord da proba.
Acompañárono no podio o pontevedrés Pablo Dapena, que acabou a 34 segundos do gañador e Robertas Geralavicius, que foi terceiro a 54 segundos. Cuarto foi Víctor Riobó, que completou a carreira en 32 minutos e 21 segundos. No que respecta á clasificación xeral do CCCP, o marinense foi o primeiro clasificado na proba, xa que os tres primeiros non puntuaban para o torneo impulsado polo Instituto Municipal de Deportes.
Na proba feminina, Leticia Fernández volveu demostrar a súa superioridade con respecto aos seus rivais. Parou o crono en 35 minutos e 48 segundos. Foi 50 segundos máis rápida que a segunda clasificada, María Jesús Gestido. Terceira foi Anaís Rivas, que acabou a dous minutos e medio da gañadora.
A xornada deportiva en Campañó comezou coas carreiras das categorías inferiores, nas que estaban inscritos uns 375 mozos deportistas, desde os máis pequenos ata a categoría xuvenil. Nesta última, o triunfo foi para Xabier Rodríguez Moura e Sara Pérez López.
Relacionadas:
-
O terceiro Circuíto de Carreiras Populares 'coroa' aos seus campións: Víctor Riobó e Leticia Fernández
Por Alejandro Espiño |
-
Alto ritmo de inscrición para o Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
Oito anos de carreira pedestre en Campañó
Por Diego Espiño |
-
A PonteNoite 5+5 bate records malia a chuvia
Por Diego Espiño |
-
Rafael Fuentes e Leticia Fernández impóñense nunha concorrida Carreira Pedestre de Monte Porreiro
Por Diego Espiño & Diego Torrado |