A efectividade do Leis decide o derbi ante o Bueu (3-4) no inicio liguero
Por Redacción
O derbi co que arrancou a liga de Segunda División B de Fútbol Sala decantouse do lado do Leis, que venceu por tres goles a catro ao ADFS Bueu no Pavillón Municipal Pablo Herbello.
Os pontevedreses tiraron de solidez defensiva e efectividade nas súas chegadas para superar a un conxunto, o Bueu, que debutaba na categoría.
Adiantáronse os locais, pero antes do descanso os de Manu Cossío deron a volta ao marcador.
Na segunda metade o Bueu repúxose para colocarse de novo en vantaxe (3-2), pero o Leis grazas a unha acción de estratexia e unha boa contra, aproveitando un erro na saída dos locais, remontaron por segunda vez.
Aínda tiveron que sufrir os pontevedreses para levarse o triunfo ante un conxunto local que buscou, sen éxito, a igualada co porteiro-xogador.