Lucía Vázquez pásase ao enduro por unha fin de semana
Por Redacción
É especialista no BTT, concretamente na modalidade de Cross Country Olímpico coa que aspira a clasificarse para Río 2016, pero por uns días decidiu cambiar de bicicleta e probar unha nova especialidade ciclista.
Lucía Vázquez anunciou que participará o vindeiro domingo 4 de outubro no Campionato de España de Enduro que se celebrará na localidade pontevedresa do Porriño.
"Todo o mundo fálame últimamente do ben que está o enduro e tiña ganas de probar. Animeime pola proximidade desta proba e porque estamos a final de tempada", explica a ciclista de Vilaboa, gañadora este ano do Open de España de Mountain Bike.
O sábado os participantes no campionato probarán o circuíto e o domingo, dende as 8:30 horas, estarán na liña de saída para afrontar os 40 quilómetros de competición con seis tramos cronometrados en "baixadas parecidas ás que temos en rally", comenta Lucía.
"Competín en descenso e baixando nas carreiras da miña disciplina non me considero mala, deféndome. Ademais, a bicicleta vai xenial e axúdame moito", sinala a pontevedresa, que afronta este reto con ganas pero sen despistarse do que é o seu principal obxectivo no tramo final de ano, asegurar a xeral da Taça de Portugal, que comanda cun punto de vantaxe a falta da carreira definitiva.