Primeira derrota do Villalonga e reacción do Portonovo na xornada de Preferente
Por Redacción
Á oitava xornada chegou a primeira derrota en liga para o Villalonga, que segue líder destacado do grupo sur de Preferente Galicia con 21 puntos.
Os celestes cederon pola mínima na casa do Porriño Industrial, cun gol de Iván Groba no último suspiro do encontro, no minuto 89. Ata entón o choque caracterizouse por unha tremenda igualdade.
Segue segundo na clasificación o Céltiga, con 17 puntos, tras vencer con comodidade ao Caselas (3-1) con goles de Álex Pena, Diego Fernández e Jonatan, todos eles na primeira metade.
Por detrás, na sexta praza, sitúase un Portonovo que superou a súa mala xeira de resultados cun triunfo axustado en casa ante o Atios (1-0), sobrepoñéndose ás baixas.
Os arlequinados quédanse con 14 puntos grazas ao solitario gol de Daniel aos 41 minutos de xogo.
Máis abaixo na táboa, duodécimo con 10 puntos, está o Xuventú Sanxenxo, que sufriu unha derrota (2-1) no campo do Valladares. Os amarelos adiantáronse cun gol de Richi aos tres minutos, pero non lograron conservar a vantaxe e viron como os locais remontaban na segunda metade.
Pola súa banda o Unión Grove é decimocuarto con 9 puntos logo de encaixar unha derrota no Monte dá Vila ante o Lalín (0-1).