Derrota do Leis-Marcón na casa do ADAE Simancas madrileño (5-4)
Por Redacción
Segunda derrota da tempada para o Leis-Marcón na Segunda División feminina de fútbol sala noutras tantas xornadas de liga, pese a que a imaxe das pontevedresas non está a ser mala.
As xogadoras adestradas por Edu Fernández caeron na pista do ADAE Simancas madrileño (5-4) nun partido no que mostraron dúas caras.
Comezaron ben o choque e adiantáronse no marcador, pero nese momento sufriron unha baixada de rendemento que permitiu ás locais remontar e chegar con clara vantaxe ao descanso (4-1).
Na segunda metade o Leis reaccionou para recuperar o seu xogo e marcar o 4-2, e pese ao quinto tanto das locais, seguiu pelexando para poñer o 5-4 e meter o medo no corpo ao Simancas.
Edu Fernández quédase cos momentos positivos de xogo, que debe confirmar o equipo a próxima xornada na casa ante o CD Chiloeches, onde espera sumar os seus primeiros puntos da liga.