O Leis deixa de estar invicto tras caer na casa (4-5) contra o Atlético Benavente
Por Redacción
Unha pésima primeira parte condenou ao Leis á súa primeira derrota da tempada en Segunda División B de fútbol sala. Perdeu a súa condición de imbatibilidade ante o Atlético Benavente, que derrotou aos pontevedreses en casa por 4-5.
Na primeira parte, o Leis non atopou o seu xogo e deixou toda a iniciativa ao Benavente. Así chegaron os goles de Jorge no minuto 2 e de Alvarito, por partida dobre, nos minutos 4 e 16. Os zamoranos, un equipo moi compacto e tácticamente moi correcto, apenas deixou opción aos locais cun bo xogo de balón e con moitos desmarques buscando as costas rivais.
Pero as cousas cambiaron na segunda parte e o Leis estivo a piques de remontar o partido.
Tras varias ocasións de perigo, Gus lograba no minuto 25 o primeiro gol pontevedrés. Co 1-3 no marcador sucedéronse as oportunidades do Leis e o dominio do equipo de Manu Cossío era absoluto.
Con todo, o Benavente aínda ampliaría a súa vantaxe cun cuarto gol, despois de que Sanromán aproveitase un balón morto que quedase aos pés tras un rexeite do porteiro local.
A partir do minuto 30, co 1-4, o técnico pontevedrés ordenou xogar con porteiro-xogador, táctica que iría alternado no que quedaba de partido. Así, chegarían os goles de Gus e Pablo -este último un disparo desde quince metros-, nos minutos 33 e 36, que apertaban o encontro. Na seguinte xogada, con todo, un rexeite desafortunado ao bordo da área permitía a Chuso poñer o 3-5 no marcador.
A falta de dous minutos para o final, Barcala puxo o 4-5 no marcador tras transformar un penalti. A partir de aí, o Leis tentou buscar o empate pero sen sorte algunha.
Con esta derrota o Leis cae á cuarta praza con 11 puntos e é adiantado polo Atlético Benavente con 12. A clasificación séguena liderando Noia FS e Mosteiro Bembrive FS con 16 e 12 puntos respectivamente.
LEIS PONTEVEDRA (4): Juan, Gabi, Gustavo, Barcala, Raúl Jiménez (cinco incial) Carlos, Dani, Pablo Durán, Berto, Borja, Martín, Ilian.
ATLÉTICO BENAVENTE (5): Mañanes, Sanromán, Alvarito, Chuso, Jorge (cinco inicial) Alex, Héctor, Álvaro, Malaguti, Samu, Javi.
Goles: (0-1) Jorge, minuto 2. (0-2) Alvarito, minuto 4. (0-3) Alvarito, minuto 16. (1-3) Gustavo, minuto 25. (1-4) Sanromán, minuto 29. (2-4) Gustavo, minuto 34. (3-4) Gabi, minuto 36. (3-5) Chuso, minuto 37. (4-5) Barcala, minuto 38.
Árbitros: Félix Otero e Fernández Méndez ambos de Ourense
Incidencias: Partido disputado no pavillón da Cidade Infantil de Príncipe Felipe.