Derrotas de Leis Pontevedra e ADFS Bueu na xornada de Segunda B
Por Redacción
Despois dun sobresaliente inicio de liga, o Leis Pontevedra perde forza na clasificación da Segunda División B de fútbol sala.
Os pupilos de Manu Cossío encaixaron unha derrota na súa visita á cancha do Esteo (6-4) nun partido no que comezaron con pouca intensidade e dando facilidades en defensa.
Desta forma o rival adiantouse aos 20 segundos de xogo, pero os pontevedreses tiraron de orgullo para manterse no encontro.
Primeiro empataron a un e despois recortaron distacias en dúas ocasións para chegar ao descanso con opcións (4-3).
O Leis mellorou na segunda metade e Barcala logrou a igualada. Con todo, cando máis preto parecía o triunfo un erro defensivo propiciaba o gol do Esteo, que despois sentenciaría nos últimos minutos.
Pola súa banda o ADFS Bueu tamén encaixou unha derrota, nesta ocasión con máis claridade, na casa ante o Albense (2-6).
O equipo visitante mostrou un maior nivel físico e intensidade superiores aos do Morrazo e apenas deu opcións durante os 40 minutos de xogo.
Tras comezar perdendo 0-2, os de Javi Santos recortaron distancias, pero só foi un espellismo e o Albense ampliou a súa vantaxe antes do descanso e sentenciou na segunda metade.
Con estes resultados o Leis queda na sexta praza con 11 puntos e o ADFS Bueu na décimo segunda con 8.