O Leis reencóntrase co triunfo e o ADFS Bueu consegue un valioso empate
Por Redacción
Importante vitoria do Leis Pontevedra para retomar a boa senda na Segunda División B de Fútbol sala.
Os pontevedreses impuxéronse, non sen apuros, ao FS Boal (3-1) no Pavillón Municipal dos Deportes nun partido que dominaron desde o inicio pero que lles custou pechar.
Miguel conseguía o 1-0 aos 11 minutos como recompensa á superioridade local, pero o Boal contou despois con opcións de igualar sen recompensa antes do descanso.
Xa na segunda metade, e cando parecía máis próximo o segundo do Leis, os visitantes conseguían a igualada (minuto 24).
Os pupilos de Manu Cossío seguiron insistindo a partir dese momento e o premio obtivérono xa nos minutos finais, con dous goles de Barcala que aúpan ao Leis ata o cuarto posto da táboa con 14 puntos.
Pola súa banda o ADFS Bueu conseguiu un valioso punto na cancha do segundo clasificado, o Bembrive vigués (4-4) nun partido que puido caer de calquera dos dous bandos.
Os de Javi Santos adiantáronse, pero finalmente tiveron que remontar en dúas ocasións (3-1 e 4-3) para conseguir un empate que lles deixa décimo terceiros con nove puntos.