O substituto de Campillo, principal dúbida do Pontevedra ante o Logroñés
Por Diego Espiño
Despois dun complicado inicio de tempada, o Pontevedra parece que dou coa tecla correcta adaptándose ao xogo da Segunda División B, e fíxoo cun once inicial que empeza a ser fixo para Luisito.
O técnico granate, aínda que apostou desde a primeira xornada por unha base de xogadores, foi introducindo lixeiros cambios ata atopar un equipo titular que lle convenceu por xogo e resultados.
Esa aliñación foi a empregada no últimos catro partidos ligueiros (Coruxo, Real Racing, Astorga e Arandina), nos que sumou catro triunfos consecutivos, dándose a casualidade de que tamén foi usado no triunfo ante o Tudelano.
Edu é un fixo na portería desde o inicio da tempada, mentres na liña defensiva asentaron Adrián, Verdú, Capi e Campillo, no centro do campo Kevin, Álex Fernández, Mouriño, Jandrín e Jacobo, que estivo fóra un par de semanas por lesión, e Borjas na punta de ataque.
Con todo Luisito verase obrigado a introducir polo menos un cambio a próxima fin de semana tras confirmar a Federación Española a sanción dun partido para Campillo, ao cumprir ciclo de cinco amoestacións.
Desta forma a principal dúbida pasa polo centro da defensa, en concreto por quen acompañará a Capi nesta liña.
Pablo e Bruno pelexan por ese oco no equipo titular ante a visita da Unión Deportiva Logroñés (sábado 20:30 horas), pero non son a única opción do adestrador granate.
Relacionadas:
-
Un erro defensivo e unha nefasta arbitraxe condenan o Pontevedra ante o Logroñés (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A Unión Deportiva Logroñés mide a ambición do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Estrella Galicia asina un acordo de patrocinio co Pontevedra
Por Redacción |
-
Desconto máxico para o Pontevedra que suma a cuarta consecutiva á conta da Arandina (2-3)
Por Redacción |