Poio completa co ciclismo a súa oferta para as escolas deportivas
Por Redacción
As escolas deportivas municipais do Concello de Poio amplián a súa oferta coa creación dunha escola ciclista.
Coa colaboración do Team Corbelo e a Asociación Deportiva Cultural de Campelo, a escola nace coa idea de "crear ciclistas pero sobre todo fomentar o deporte", explicou na súa presentación Paco Albar.
Dirixida a nenos e nenas entre os 5 e o 12 anos, iniciarase aos mozos nas diferentes modalidades ciclistas (estrada, BTT ou ciclocrós), ademais de fomentar a melloría da técnica e ensinar cal é a mellor forma de comportarse durante a práctica deportiva, xa sexa na estrada ou en montaña.
Os adestramentos desenvolveranse os sábados (de 11:30 a 13:30 horas) desde o 14 de novembro, concluíndo en xuño co colofón da II Mini BTT de Campelo en xuño.
O prezo anual da inscrición é de 60 euros, podendo anotarse a través do correo deportes@concellodepoio.org ou no teléfono 685 188 838.