Atapuerca, estrea da tempada de campo a través para a Gimnástica
Por Redacción
Burgos é o punto de partida da tempada de campo a través para os atletas da Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
Alí celébrase o vindeiro domingo 15 de novembro o XII Cros Internacional de Atapuerca, única proba nacional incluída no calendario mundial desta especialidade.
Entre a alta participación que se espera atópanse dous atletas da Gimnástica, Manuel Hurtado e Iván Blanco. Terán difícil loitar polos primeiros postos, pero será unha boa toma de contacto co campo a través, modalidade atlética que a entidade pontevedresa quixo reforzar na tempada recentemente iniciada.
Tras Atapuerca, durante as próximas semanas os atletas do club pontevedrés participarán tamén en citas como a Espada Toledana (22 de novembro) ou a Constitución de Alcobendas (29 de novembro).
SAN MARTIÑO EN OURENSE
Ademais do cros, este fin de semana a Gimnástica ten outro centro de atención, a 39 edición da Carreira de San Martiño, en Ourense, unha das máis importantes do calendario autonómico.
Inscribíronse na carreira, de 10 quilómetros, Joselyn Brea, Rubén Diz, Iván Docampo, Fran Iglesias, Martín Taín, Fernando Rial e Jorge Puig.