Segundo triunfo da tempada para o Leis Marcón tras impoñerse na casa ao Mora (2-1)
Por Redacción
Importante triunfo do Leis Marcón ante un rival directo pola permanencia na Segunda División Feminina de fútbol sala, o CDE Mora (2-1), no Pavillón Municipal dos Deportes.
As pontevedresas lograron a súa segunda vitoria da tempada nun partido moi igualado ante un rival que se mostrou rochoso.
Empezou dominando o Leis e buscando o gol, que chegaría aos 10 minutos por medio de Jessi. O resultado manteríase sen máis cambios ata o descanso.
A segunda parte comezaría mellor para as xogadoras locais, grazas a un temperán gol de Ali que facía o 2-0.
O choque parecía encarrilado, pero o Leis deu un paso atrás nese momento e o Mora lanzouse a pola remontada e empezou a chegar con perigo.
Así chegaría o 2-1 aos 26 minutos. Tocaba sufrir pero as pontevedresas defenderon con acerto ata o final, incluído nos momentos nos que as visitantes xogaron de cinco, unha táctica que se viu truncada pola expulsión de Pilar e a consecuente superioridade numérica do Leis cando restaban só 2:40 para o final.
A vitoria aúpa ao Leis ata unha cómoda oitava posición con sete puntos.