Vitoria do Leis na casa do pechacancelas e derrota do ADFS Bueu ante o líder
Por Redacción
Tivo que empregarse a fondo o Leis Pontevedra para aguantar o ritmo da zona alta da táboa na súa visita á cancha do pechacancelas da Segunda B, o Cistierna (2-4).
Os pontevedreses empezaron o partido imprecisos e con erros defensivos que provocaron o primeiro gol dos locais, aos 7 minutos.
Con 1-0 chegaríase ao descanso e na continuación, aínda que os de Manu Cossío melloraron, atopáronse cedo co 2-0.
O Leis non baixou entón os brazos e aos 25 minutos recortou distancias por medio de Pocho para que pouco despois, aos 32 minutos, Barcala igualase o partido.
Os pontevedrese crecéronse e aproveitaron a superioridade por unha expulsión para adiantarse aos 35 minutos grazas a un gol de Miguel, que repetiría despois para sentenciar o choque.
O triunfo mantén ao Leis terceiro, empatado co segundo clasificado, con 20 puntos.
Peor lle foron as cousas ao ADFS Bueu na visita do líder destacado, o Noia, que non lles deu opción (2-8).
Os de Javi Santos só conseguiron plantar cara ao comezo do segundo tempo, cando lograron apertar o marcador. Con todo os visitantes aumentaron o ritmo e sentenciaron o partido.
Este resultado deixa ao Bueu no décimo cuarto posto con nove puntos.