Importante triunfo do Pontevedra Rugby Club en Lugo
Por Redacción
Segundo triunfo consecutivo na liga do Pontevedra Rugby Club, que sacou adiante en Lugo un partido complicado e importante para a súa marcha na Primeira División Galega.
Os pontevedreses, despois de tres xornadas, ascenden á terceira posición con oito puntos abrindo un importante oco coa zona de descenso.
Ante o Muralla lugués o PRC superou as difíciles condicións do campo, pesado pola choiva, para impoñerse por 17 a 22 nun choque de alternativas constantes.
O marcador non se moveu ata o minuto 25 cun ensaio de Calvo para os pontevedreses, ao que respondeu o cadro local para chegar con vantaxe (7-5) ao descanso.
Xa na segunda metade o PRC adiantouse (7-12) grazas a Chema Fernández, pero os locais puxéronse de novo en vantaxe a falta de 20 minutos (17-15).
Foi entón cando Javi volveu ensaiar e Alberto Silla transformou para facerse co triunfo. Houbo tempo para un ensaio máis que outorgase bonus ofensivo, pero non subiu ao marcador por decisión arbitral.
A próxima xornada será de descanso para o Pontevedra Rugby Club, mentres o Mareantes volverá á competición recibindo ao CR Ferrol.