O Waterpolo Galaico mantense como líder sólido da Liga Galega
Por Redacción
Non puido empezar mellor a tempada para o Club Waterpolo Galaico Pontevedra, que marcha líder destacado na Liga Galega de 1ª División.
Os pontevedreses suman os seus catro encontros por vitoria, o que lles coloca con 12 puntos, tres por diante de Coruña e Santiago.
Os pupilos de Javi de Sáa mantiveron a súa condición de invictos a pasada fin de semana ao vencer de maneira contundente ao Real Club Náutico de Vigo na piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
O Galaico impúxose por 24 a 6 nun partido no que, pese ao resultado, recoñeceron estar faltos de "intensidade e efectividade nas xogadas de ataque".
XORNADA DE TECNIFICACIÓN CO COORDINADOR NACIONAL
A xornada deportiva no CGTD completouse cunha concentración autonómica de categoría cadete, á que acudiu o coordinador nacional de waterpolo, Antonio Aparicio.
Neses adestramentos participaron nove xogadores do Galaico: Juan José Roca, Aarón Tellería, Germán Amoedo, Rubén Rodríguez, Eric Tacón, Sheila Moldes, Artai Poses, Abel Dacosta e Iago Jimeno.