O Waterpolo Galaico Pontevedra presume de familia
Por Redacción
Aínda que a competición leva un par de meses en curso, o Club Waterpolo Galaico presentou hai escasos días aos equipos que o representarán durante a tempada 2015/2016.
Nunha gala celebrada no Pazo da Cultura, o club pontevedrés presumiu de familia cos seus sete equipos.
No acto, que estivo presentado polo artista Carlos Tomico, desfilaron un a un os equipos prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, xuvenil e o absolutos feminino e masculino.
Ademais os tres adestradores do club explicaron os obxectivos da tempada e proxectouse en novo vídeo promocional do club, editado por Pablo Seone. Pechou a gala a presidenta, Paqui García de Dios.
VITORIA DO EQUIPO ABSOLUTO
Tras o evento, a atención trasladouse á piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, onde se disputou unha nova xornada ligueira para varios dos equipos do club.
Entre eles destacou o conxunto absoluto masculino, que milita na Primeira División Galega e que reforzou o seu liderado tras impoñerse ao segundo clasificado, o CW Santiago (17-10) na última xornada da primeira volta.
GALA BENÉFICA
Completou a xornada a tradicional cea benéfica de Nadal, na que o Waterpolo Galaico reuniu a máis de 150 persoas no restaurante do Club Deportivo Sociocultural Militar de Campolongo, recadando 150 euros que serán dondaos a Aldeas Infantís SOS Galicia.
Durante a cea homenaxeouse a Juan Rodríguez, retirado recentemente da competición sendo o último xogador en activo do primeiro equipo do club, formado en 1998.