O Céltiga colócase en ascenso, o Unión Grove golea e Sanxenxo e Portonovo volven fallar
Por Redacción
Segundo púxose o Céltiga no Grupo Sur de Preferente grazas a un novo triunfo, o logrado na casa ante o Domaio (1-0).
Os da Illa impuxéronse grazas a un temperán gol de Machu e souberon despois aguantar a súa vantaxe para aproveitar o tropezo do Gondomar e colocarse en postos de ascenso, aínda que a 10 puntos do líder Villalonga.
O que colle aire tras a xornada da fin de semana é o Unión Grove, grazas á goleada na casa (4-0) ao pechacancelas Monterrey. O cadro meco impúxose en gran parte grazas a un triplete de Anxo, que lles coloca décimo cuartos con 19 puntos.
Peor lle foron as cousas a Sanxenxo e Portonovo. Os amarelos empataron sen goles en Lalín e son décimo sextos con 18 puntos.
Pola súa banda o Portonovo encaixou unha dura derrota en Baltar ante o Alertanavia (1-3) nun partido que se decantou nos últimos 20 minutos.
O cadro arlequinado queda en décimo terceira praza con 20 puntos.