A correr e divertirse no Fin de Ano coa 32 edición da carreira de San Silvestre
Por Alejandro Espiño
A cidade prepárase para despedir o ano facendo deporte. Un ano máis, a San Silvestre pontevedresa, que chega á súa edición número 32, atraerá a miles de persoas para "correr e divertirse", como reflicte o lema da proba. Un total de 3.086 atletas inscribíronse xa para participar nunha carreira que, como vén sendo habitual, sairá da avenida de Montero Ríos o día 31 de decembro ás cinco da tarde.
A San Silvestre, organizada pola Sociedad Gimnástica e o Instituto Municipal de Deportes (IMD), é a proba máis multitudinaria que se celebra en Pontevedra, algo que segundo o seu director técnico, Juan Romeu, non se debe tan só ao 'boom' actual do running senón a que se trata dunha carreira "familiar" na que cada participante "va como puede y con quien quiere", mesmo disfrazados.
Todos eles deberán completar un circuíto de case catro quilómetros, pechado ao tráfico, que desde Montero Ríos pasará polas principais rúas da cidade e o centro histórico.
O percorrido será Riestra, Oliva, García Camba, Andrés Muruais, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Reina Vitoria, Alameda, Marescot, Xeneral Martitegui, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Arcebispo Malvar, Barón, Enfesta de San Telmo, Ponte, Celso García de la Riega, Valentín García Escudero, Serra, avenida de Buenos Aires, Irmáns Sobrino Buhígas, Cruz Vermella, Pai Amoedo, Sarmiento, Méndez Núñez, Real, Curros Enríquez, Soportais, paseo Antonio Odriozola, Peregrina, Michelena, praza de España e Montero Ríos.
Dos atletas inscritos, 3.036 son corredores. O resto son 16 persoas que farán a marcha nórdica e 34 son patinadores, a gran novidade desta edición. Ambas as modalidades sairán ao mesmo tempo que a carreira a pé, pero terán un percorrido lixeiramente diferente para que non entorpezan o desenvolvemento da proba principal.
As inscricións están abertas ata o próximo 27 de decembro ás 23.59 horas, a través de www.sgpontevedra.com. A organización espera que se alcancen os 5.000 inscritos.
Os dorsais repartiranse a partir do día 28 na Casa da Luz, en horario de 10.30 a 13.30 horas e de 16.30 a 19.30 horas, salvo o primeiro día que só se poderán recoller pola tarde e o día da carreira, que só se entregarán pola mañá. Os corredores que sexan de fóra de Pontevedra poderán collelos o propio 31 de decembro, de 15.30 a 16.30 horas na liña de saída, na avenida Montero Ríos.
Como vén sendo habitual haberá premios para os gañadores masculino e feminino -un trofeo e un lacón- e para os outros dous corredores que completen o podio. Ademais, premiarase ao mellor disfraz individual e colectivo.
A participación na proba é gratuíta, pero os organizadores do evento piden unha colaboración voluntaria dun euro para sufragar os gastos do evento. Ademais, organizouse unha recollida de alimentos non perecedoiros, que cada participante poderá entregar en Montero Ríos antes da carreira, que serán cedidos posteriormente ao Comedor de San Francisco.
Relacionadas:
-
Pontevedra bótase á rúa e converte a San Silvestre nun fenómeno de masas
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Cortes puntuais de tráfico en Pontevedra pola carreira popular de San Silvestre
Por Redacción |
-
Case 6.000 inscritos para unha San Silvestre que volverá bater o seu record de participación
Por Diego Espiño |
-
Ramón Touza, reelixido como presidente da Sociedad Gimnástica
Por Redacción |
-
Máis de 1.500 inscritos na San Silvestre e subindo
Por Redacción |
-
A San Silvestre pontevedresa quenta motores e prepárase para abrir inscricións
Por Diego Espiño |