O Arxil planifica un dobre amigable para a primeira fin de semana do ano
Por Diego Espiño
En pleno descanso do Nadal, o Club Baloncesto Arxil pensa xa no que lle espera durante o próximo mes de competición, no que tentará continuar coa escalada na clasificación na Liga Feminina 2 que cortou na última xornada do ano o GDKO.
Na entidade pontevedresa existe certa satisfacción pola resposta do equipo, sétimo clasificado tras un inicio de competición complicado, e optimismo co que vén porque "á volta de vacacións sempre subimos o noso nivel", asegura Lino Vázquez.
Con todo para seguir coa súa progresión as verdes deberán superar un obstáculo extra nos primeiros partidos de 2016, e é que durante o mes de xaneiro só xogarán un encontro na súa cancha.
A Liga Feminina 2 retomarase o día 9 de xaneiro, e farao cun Araski-Arxil no País Vasco para pechar a primeira volta da competición. Unha semana despois vivirase o derbi provincial en Vilagarcía ante o Cortegada, seguindo un esixente partido ante o León Cuna del Parlametarismo en Pontevedra e unha nova saída, o 30 de xaneiro, á pista do Baloncesto Femenino Aragón.
Mayte Méndez citou ás súas xogadoras o luns 28 de decembro para retomar os adestramentos coa vista posta no duro mes de xaneiro que se lles presenta.
Por iso, e para chegar na mellor forma posible ao 9 de xaneiro, o corpo técnico programou un dobre compromiso amigable para a primeira fin de semana do ano. Será o Torneo Cidade de Pontevedra, que se disputará ante o Vagos portugués o sábado 2 (19:30 horas) no Pavillón Municipal e o domingo 3 (12:00 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Relacionadas:
-
Baloncesto polos catro custados co XXII Torneo Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot |
-
Fin de semana de baloncesto co XXII Torneo Cidade de Pontevedra do Arxil
Por Redacción |
-
Ausencias na volta ao traballo do Arxil
Por Redacción |
-
O Ibaizabal acaba coa xeira positiva do Arxil nun vibrante partido (77-80)
Por Redacción |
-
Traballado triunfo en Canarias para un Arxil lanzado (61-66)
Por Redacción |