Pontevedra bótase á rúa e converte a San Silvestre nun fenómeno de masas
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz
Crecendo cada ano desde o seu inicio. Batendo records en cada edición, a San Silvestre pontevedresa xa non é só unha carreira popular, é todo un acontecemento social para despedir o ano dunha forma festivo-deportiva, facendo deporte ou simplemente gozando en familia e con amigos. Con vestimenta deportiva ou recorrendo aos disfraces máis variados.
Pontevedra e as súas xentes botáronse á rúa de novo na tarde do último día do ano. Uns para participar, o resto para aplaudir animando aos que se puxeron de curto. Miles de persoas abarrotando os distintos lugares do percorrido. Todos vivindo un ambiente festivo e san, convertendo esta XXXII edición da San Silvestre en todo un fito difícil de igualar para outras cidades de moita maior poboación.
Coa organización a cargo da Sociedad Gimnástica e o Instituto Municipal de Deportes, a edición deste ano repetiu o seu case catro quilómetros de percorrido e diversión polo centro da cidade, con categorías paralelas como a camiñada nórdica ou a novidade dun percorrido para os afeccionados á patinaxe.
Nesta ocasión foron 5.968 as persoas inscritas, 68 delas na categoría de marcha nórdica e 57 na de patinaxe, unha cifra moi superior aos 4.439 corredores que retiraron dorsal o pasado ano. Delas, finalmente calcúlase que foron unhas 6.000 as persoas que tomaron a saída ás cinco en punto da tarde deste xoves, na pontevedresa avenida de Montero Ríos.
Máis de 5.000 dorsais oficiais retirados, superando en bastante máis de 1.000 os que foran entregados na edición do pasado ano, aos que hai que sumarlles outras máis de 1.000 persoas que se calcula fixeron a carreira sen formalizar previamente a inscrición, xa que era incesante o paso de atletas sen portar o número correspondente, elevando o número a eses 6.000 participantes entre pontevedreses e atletas chegados de numerosas localidades de Galicia.
Ás cinco da tarde o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, daba a saída, como sempre ante numerosísimo público que desde bastante antes gozaba coa animación existente na zona.
Na primeira liña os atletas que saían a disputar a carreira. Daquela toda unha multitude que fixo que os últimos en tomar a saída o fixesen 5' 53" despois que os primeiros en iniciar a carreira.
Tras a saída, os participantes pasaron polas rúas Riestra, Oliva, García Camba, Andrés Muruais, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, Raíña Vitoria, Alameda, Marescot, Xeneral Martitegui, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Arcebispo Malvar, Barón, Enfesta de San Telmo, Ponte, Celso García de la Riega, Valentín García Escudero, Serra, avenida de Bos Aires, Irmáns Sobrino Buhígas, Cruz Vermella, Pai Amoedo, Sarmiento, Méndez Núñez, Real, Curros Enríquez, Soportais, paseo Antonio Odriozola, Peregrina, Michelena, praza de España e regreso á avenida de Montero Ríos, onde finalizou a carreira.
Víctor Riobó vence por duodécimo ano. Joselyn Brea imponse en categoría feminina
E por duodécimo ano o primeiro en cruzar a liña de meta, cun tempo lixeiramente superior aos 11 minutos foi Víctor Riobó, que segue intratable nesta proba, seguido como o pasado ano por Antonio Serrat, que nesta ocasión fíxolle dar o mellor desí mesmo para impoñerse ao sprint, mentres que o terceiro en cruzar a meta foi Jorge Puig.
En categoría feminina investíronse as dúas primeiras posicións con respecto á edición anterior, impoñéndose nesta ocasión con claridade Joselyn Brea, relegando á segunda praza a Leticia Fernández, que non puido revalidar título tras os seus tres triunfos consecutivos. Completou podio Barca Toba, que repetiu praza no terceiro chanzo.