Dous amigables contra o Cangas medirán o nivel do Teucro durante o mes de parón
Por Diego Espiño
Acabou o período de descanso para a Sociedad Deportiva Teucro. O plantel azul retomou este xoves os adestramentos tras un par de semanas de descanso de Nadal e xa mira ao debut ligueiro de 2016 o 6 de febreiro en Guadalaxara.
O parón da Liga Asobal motivado pola disputa do Campionato de Europa de Seleccións foi aproveitado para dar o descanso necesario a uns xogadores que chegaron fatigados a final de ano.
Agora, coa intención de chegar o mellor posible ao mes de febreiro, o corpo técnico encabezado por Quique Domínguez programou unha mini-pretempada, con adestramentos que unha vez á semana serán en dobre sesión e con varios partidos amigables.
O primeiro deles disputarase o venres 15 de xaneiro ante o equipo filial de Liga Autonómica, mentres os outros dous serán de alta esixencia para os guerreiros azuis, ante un rival coñecido como o Cangas adestrado por Víctor García 'Pillo'.
O sábado 23 de xaneiro o choque terá como escenario o Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, mentres o venres 29 o cadro teucrista devolverá a visita desprazándose ata O Gatañal.
Será unha boa pedra de toque para os azuis a poucos días de retomar a competición oficial, na que teñen como principal obxectivo repetir os resultados da primeira volta para certificar a súa permanencia na máxima categoría.
Relacionadas:
-
O Teucro saca a espiña fronte ao Cangas antes de reiniciar a liga (34-35)
Por Redacción |
-
Teucro e Cangas afinan a súa posta a punto (26-31)
Por Redacción |
-
Entrada de balde para o amigable entre Teucro e Cangas
Por Redacción |
-
A versión máis comprometida da Sociedad Deportiva Teucro
Por Redacción |
-
Merecido descanso para a Sociedad Deportiva Teucro
Por Diego Espiño |
-
Remontada incompleta ante o Huesca dun Teucro que segue sen gañar fóra (33-31)
Por Redacción |