Un mal arranque de partido condena ao Arxil en Vitoria (64-51)
Por Redacción
Era unha laxa demasiado pesada. Arxil regresaba á competición visitando a pista do ADB Araski Aes, un equipo en xeira positiva de resultados que sumara os seus catro últimos partidos por vitorias, pero ademais as de Mayte Méndez facíano coa sensible baixa de Yanique Gordon. A pivote xamaicana non puido arranxar a tempo os seus problemas de visado, deixando ao conxunto pontevedrés moi minguado no xogo interior.
En Mendizorrotza o partido inclinouse pronto ao lado local. O equipo vasco foi moi superior baixo taboleiros (43 rebotes por só 28 das pontevedresas), logrando situar a catro das súas xogadoras en díxitos dobres.
De nada serviu o gran partido de Ana María Román (23 puntos, 14 rebotes e 33 de valoración), ao non estar secundada por ningunha das súas compañeiras, todas elas por baixo dos 10 puntos de anotación individual, e ata cinco xogadoras con valoración negativa no partido.
Ao remate do primeiro cuarto o resultado era contundente (27-11), ampliado no segundo parcial (11-7) para irse ao descanso nada menos que 20 puntos abaixo (38-18) e unha moi pobre anotación que convertía en imposible pensar na remontada.
Non cambiou a decoración ao regreso de vestiarios, cun novo parcial favorable ás vitorianas (19-13) que só ao ver o partido resolto se relaxaron, permitindo que o Arxil maquillase o resultado nos 10 minutos finais, anotándose o cuarto (7-20) para deixar o marcador final nese claro 64-51 que afasta ás arxilistas dos postos altos.
Consulta aquí as estatísticas do partido.
Relacionadas:
-
Final feliz ao serial do Arxil con Yanique Gordon
Por Redacción |
-
Arxil leva un derbi de infarto impoñéndose pola mínima a Cortegada (56-57)
Por Redacción |
-
Pendentes de Yanique Gordon por segunda xornada consecutiva
Por Redacción |
-
Volve a liga Feminina 2 para un Arxil que viaxa ao País Vasco coa dúbida de Yanique Gordon
Por Redacción |
-
Ás voltas co visado de Yanique Gordon
Por Diego Espiño |
-
Baloncesto polos catro custados co XXII Torneo Cidade de Pontevedra
Por Mónica Patxot |