Os soños olímpicos do fisioterapeuta do Pontevedra, Manu Barros
Por Diego Espiño
A súa faceta profesional como fisioterapeuta do Pontevedra Club de Fútbol non apartou a Manu Barros da súa paixón, o taekwondo.
Campión de España Junior en dúas ocasións, medallista nacional e internacional en diferentes competicións defendo as cores do Mace Sport, Manu segue ligado ao seu deporte favorito competindo de cando en vez, como no último Open Cidade de Pontevedra, e desde o pasado ano como Xuíz Clasificador Internacional de Taekwondo Paralímpico.
Tras realizar un curso en Moldavia, o pontevedrés foi reclamado pola Federación Internacional (WTF) para o pasado Mundial de Parataekwondo, en Nottingham (Inglaterra), e agora repetirá experiencia co Open de Nevada (Estados Unidos), de categoría G-1.
Ata a localidade de Reno acudirá Manu Barros entre o 30 de xaneiro e 12 de febreiro dentro do equipo médico da WTF, coa misión de avaliar a postura, o movemento e as características biomecánicas dos competidores vendo as súas limitacións para a competición e englobalos por categorías.
O Open de Nevada é unha proba clasificatoria para os Xogos Paralímpicos de Tokyo 2020, unha competición, a olímpica, que lle gustaría gozar se non en 2016 en sucesivas edicións.
En Estados Unidos Manu Barros traballará de xeito conxunto con outro fisioterapeuta, o australiano Joan Steele-Mils.