A historia de superación da ximnasta Maika Jarrillo lévaa a competir a Chile
Por Diego Espiño
Non é campioa de España, nin acumula medallas internacionais, pero aos seus 16 anos ademais de polo seu bo nivel deportivo converteuse nun exemplo.
Maika Jarrillo, ximnasta do Club Treboada apaixonada pola rítmica, acudirá como convidada aos primeiros Xogos Deportivos de Verán en Atacama, Chile, que se celebrarán na localidade de Caldera os días 5 e 6 de febreiro.
"Tuve un problema hace años en Antas", explica con enteireza a deportista, e á súa chegada a Pontevedra a ximnasia rítmica e o apoio da Asociación Déficit de Atención e Hiperactividade (ADAHPO), "me ayudó a levantar cabeza y a ver que era capaz de hacer algo más, que no era una niña que no servía para nada".
Ese crecemento persoal leva á súa nai a recoñecer que "a raíz del deporte de la gimnasia ha ido creciendo", primeiro enrolada na disciplina do Club As Triscas e agora no Treboada, clubs cos que chegou a situarse na elite galega deste deporte.
A invitación chégalle a Maika Jarrillo pola súa participación no campus internacional de Nuria Cabanillas.
Á cidade de Caldera a ximnasta galega chegará como embaixadora deportiva de Pontevedra, onde explicará a súa historia de superación e tentará seguir progresando no seu deporte, co soño de que este sexa só a primeira de moitas viaxes e o comezo dunha importante traxectoria internacional.