Un Arosa de máis a menos termina perdendo na Lomba ante o Barco (1-2)
Por Redacción
Dúas caras mostrou o Arosa na visita do CD Barco ao estadio da Lomba. Os arlequinados fixeron un bo primeiro tempo pero terminaron cedendo nos minutos finais encaixando unha nova derrota que lles afasta dos postos altos da táboa.
Aínda que sen moitas ocasións, o partido empezou ben para un Arosa que mostrou a súa versión máis seria. Aos poucos foi mellorando o equipo de Piscis ata que á media hora Cabanyes poñía o 1-0 ao culminar unha xogada de Fran Fandiño pola banda esquerda. Así se chegaría ao descanso.
Na continuación os de Vilagarcía parecían decididos a sentenciar o choque. Aínda que o Barco mellorou o Arosa dispuxo de dúas claras ocasións para poñer o 2-0, cun remate de Sylla á madeira e un man a man de Cabanyes que se marchou fóra por centímetros.
Non o conseguiu e o que chegou foi o empate dos visitantes, obra de David no minuto 60. Comezaba un novo partido pero contra todo prognóstico o Arosa empezou a decrecer, o que aproveitou o Barco para poñer o 1-2 a falta de 10 minutos cun gol de Rodri.
Pese á baixada de rendemento, os locais puideron salvar un punto no desconto, cando xogaban en inferioridade pola expulsión de Sylla por protestar, pero o remate de Aitor Díaz salvouno un defensor cando se coaba na portería.
Este resultado deixa ao Arousa na duodécima praza, á mesma distancia da promoción de ascenso e do descenso a Preferente, sete puntos.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
Freada do Arosa que sae goleado de Redondela (3-0)
Por Redacción |
-
Os defensas deciden o derbi entre Ribadumia e Arosa (0-2)
Por Ramiro Espiño |
-
Javi Veloso chega cedido ao Arosa ata final de tempada
Por Redacción |
-
De penalti polémico no último minuto escápaselle o triunfo ao Arosa en Carballo (1-1)
Por Redacción |