Deporte e compromiso solidario, piares do proxecto 'Ponte un Reto'
O deporte sempre busca que o egoísmo non exista e que brinde o compañeirismo fronte á individualidade. Neste marco nace o proxecto Ponte un Reto, formado por deportistas non profesionais, que foi presentado este venres nas instalacións do Concello de Pontevedra por Anxos Riveiro, concelleira de deportes, e polos representantes e padriños do mesmo.
Esta plataforma, que se presenta en boca dos seus portavoces como un "grupo de amigos de Pontevedra" aos que lles une as súas ganas de superar constantes metas e o gusto por saír a pedalear en bicicleta, aspiran a superar retos cada vez máis importantes. Conta con dúas vertentes fundamentais: o deporte, coa participación en diversas e esixentes probas; e a solidariedade, en colaboración coa Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA).
En relación ao reto deportivo, destaca a participación en dúas ultramaratóns como son a Titan Desert e a Madrid-Lisboa. Son probas onde non só conta o esforzo físico senón tamén a capacidade de resistencia mental unida ao compañeirismo e ás vivencias con outros corredores. A primeira delas terá lugar en Marrocos e será de suma importancia a climatoloxía, a resistencia dos participantes, polos seus longos percorridos, e a dificultade de navegación e orientación. Doutra banda, a Madrid-Lisboa é unha carreira sen pausas, polo que se decidiron a realizala en dous equipos de catro participantes, pedaleando de mañá, tarde e noite, relevándose entre eles. Son os retos principais que o proxecto Ponte un Reto ten para 2016 pero considerando que "non é unha cousa que nace para morrer senón que nace para continuar o resto dos anos".
En canto á parte solidaria, a plataforma pontevedresa pretende dar visibilidade aos problemas que sofren as persoas diagnosticadas de Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA), axudando economicamente á asociación galega de afectados e coa vista posta na investigación médica "para que esa pastilla máxica faga que desapareza a ELA", como declarou Tita, afectada pola devandita enfermidade.
Os padriños da plataforma, o ex-ciclista profesional Óscar Pereiro e o director do Supermercados Froiz, Evaristo Portela, quixeron remarcar a dureza á que se van a ver sometidos os deportistas, considerando o apoio común como dinámica principal das etapas.
A iniciativa custearase coa venda de bicicletas ou camisetas, entre outros produtos, e tamén se habilitará proximamente un número de conta solidaria para poder colaborar.